Encontro cómodo para o colexiado – Traballo difícil para os liñas o de onte chegando a pitar un total de doce foras de xogo

Foto: O colexiado catalán Javier Estrada Fernández // Number1sport.es

O celtismo, inamovible no desalento, non coma noutros tempos onde rápido se perdía a paciencia co equipo, xa ten o sabor acre da derrota impregnada en tódalas papilas gustativas da súa boca. Así a todo, na visita dun dos colosos da competición ao feudo celeste, o equipo adestrado por Abel Resino mantivo a compostura, non coma fixera a xornada anterior fronte ao Sevilla no Pizjuán. Incluso estivo a piques de acadar algún tipo de recompensa se a sorte, esta que nos está a ser esquiva en case tódalas xornadas, estivera do noso lado. Porén, si que se poden sacar conclusións positivas da derrota de onte pola tarde xa que, se o Celta emprega esa actitude desde hoxe até que remate a competición, todavía albergará algún tipo de esperanza de revertir esta traumática situación e acadar o premio da permanencia.

O de onte para Estrada Fernández foi un encontro bastante cómodo, non así para os seus asistentes xa que eles tiveron que estar moi atentos ao fora de xogo. Nesta situación do partido foi na que os xogadores do Real Madrid caeron ata un total de doce veces durante todo o tempo que durou o encontro, de feito, eses doce foras de xogo, foron tódalas infraccións de este tipo que se pitaron durante os 90 minutos.

Javier Estrada Fernández pitou un total de 16 faltas, seis a favor do Celta e dez a prol do equipo adestrado polo tándem Karanka/Mourinho. Destas 16 faltas só tres foron merecedoras de cartón amarelo. A primeira que amosou o colexiado foi para o céltico Quique De Lucas no minuto 29 da primeira metade, o segundo para o xogador merengue Raúl Albiol case ao término da primeira metade, no minuto 41. O derradeiro cartón foi o que viu Javi Varas na acción do penalti sobre Ricardo Kaká, que entrara minutos antes sustituíndo a Callejón, no minuto 25 da reanudación. O penalti sería materializado polo portugués Ronaldo que serviría para certificar a vitoria visitante por ese axustado 1-2 no Municipal Vigués.

Foi, o de Balaídos, un encontro onde os que máis traballaron foron os asistentes de banda e fixeron un traballo notable. Tanto eles coma o director da orquestra, o catalán Estrada Fernández. Non esquecer que o colexiado tiña un duro traballo por diante, xa que os seareiros celestes todavía se lembraban do esperpéntico arbitraxe da primeira volta no Bernabeu.

Toca, unha vez máis, levantarse e traballar máis forte que nunca. O encontro da vindeira xornada, o que da o pistoletazo de saída a vixésimo oitava xornada da liga fronte ao Coruña, é, sen dúbida algunha, o partido da tempada, non só por que xoguemos contra o noso rival histórico se non porque, de gañar na terra de María Pita, daríaselle practicamente a estocada definitiva a un rival directo e os xogadores encheríanse de moral por ese feito xa que gañarían ao Coruña, e fora da casa, cousa case insólita esta tempada.

Jorge Meré