O Celta da a cara ante o negocio de Florentino – A carteira merengue sufriu frente a canteira celeste

Foto: Grada de Río no Celta-Madrid // Silvia B. P.

“O arte de vencer apréndese nas derrotas”

Simón Bolívar

Despois dunha noite como a do pasado domingo en Balaídos unha queda contenta pola entrega do equipo. Por ver de novo cos pés na terra a xogadores únicos e fundamentais para o noso Celta. A canteira colleu o timón coa convicción de deixar o barco amarrado á primeira división. Se xogamos todos os partidos coa entrega e intensidade do último encontro estaremos cada vez máis preto da salvación, de abandonar eses postos na táboa que destrúen o ánimo e encollen as pernas.

O domingo ficou claro que os tempos do autoodio e complexo dunha parte da afección son cousas do pasado. Maré celeste contra pingas brancas. Cinco anos no inferno non pasaron en balde para a afección celeste. Balaídos demostra unha madurez e intelixencia que poucos campos comparten. Alenta aos seus xogadores de principio a fin e cando máis o precisa o equipo, ruxe todo o estadio. As siareiras e siareiros do Celta somos inmunes á manipulación e aos intentos de criminalización da caverna mediática española, temos a mellor das vacinas, cerebro propio. A propaganda do pensamento único ten pouco efecto ante un celtismo soberano.

Os supostos galácticos do multimillonario Florentino Pérez sufriron para gañar a un dos “equipos pobres”, cun orzamento 17 veces inferior ao da casa branca. O señorío quedou patente, máis unha vez, nas perdas de tempo, na comparecencia de Karanka ou no desprezo de Ozil a Roberto Lago. O internacional alemán intercambiou a camisola co canteirán do Celta, porén non debía gustar dela e tirouna como un farrapo antes de entrar no vestiario, un desprezo que di moi pouco da deportividade do dez merengue.

Agora toca eliminar o sabor agridoce e gañar en Riazor os puntos da nosa liga. Terceira final para o Celta na que os xogadores estarán acompañados por unha afección que nunca se rende.

Celta Betis