Poder, pódese… – “O “circofútbol” non pode ficar alleo ás dinámicas sociais e ás circunstancias que vivimos”

Foto: Pódese // @santimlz

Como fenómeno social que é, o “circofútbol” non pode ficar alleo ás dinámicas sociais e ás circunstancias que vivimos. Son tempos de movementos, de movementos sociais, de nova aparición e con novas formas mesturados cos clásicos e permanentes. Unha das consignas que os movementos de novo cuño conseguiron introducir na linguaxe do común é o “pódese” (importado do “si se puede” castelán). Non deixa de ser un berro de autoconvencemento colectivo, de reafirmación, de convicción, de crer no esforzo e na capacidade colectiva de quen o berra. Con todo, non é unha consigna que oculta as dificultades e actúa como contraposición á principal estratexia do Poder, que consiste en convencernos de que “non é posible”, “non hai alternativa” e o único que nos queda é a resignación.

As seis afeccións involucradas na loita pola permanencia en Primeira División aférranse (aferrámonos) a esta posibilidade, e a clasificación dá motivos para facer crible esta consigna. Ninguén está salvado nin afogado, todas vivas, tanto que as expectativas viran despois de cada partido. É a teoría dos imprevistos, que vai facer que previsiblemente (case) todo se decida na última xornada, e quen sabe se pendentes da diferenza de goles. Para nós o panorama hoxe non é tan negro como o era despois do encontro co Mallorca, e o estado de ánimo volverá acentuarse (para ben ou para mal) despois do enfrontamento co Athletic… e os resultados do resto de rivais volverán a matizar as esperanzas.

En todos os campos escoitamos o “pódese”, e ningunha circunstancia imaxinable podería debuxar un escenario no que este berro fose tan acertado. A salvación é viable xa que cadaquén depende de si mesmo, e xa que logo, ata o máis mínimo detalle adquirirá dimensión transcendental.

Como cada ano a estas alturas comezan os ruxe-ruxes de “maletíns” e trampas na competición. E xustamente polo dito antes, nestas circunstancias a súa importancia multiplícase. Aquí en meuCelta.com xa se recolleron as primeiras sospeitas, ao fío dunhas supostas palabras do xogador do Levante Barkero, pero co avance das semanas e así como se vaia achegando a última xornada, a podremia da competición española agromará coma cada ano. Tamén as decisións arbitrais, premeditadas ou non, poden supoñer a diferenza entre unha ou a outra beira da liña vermella.

Polo tanto, poder pódese, pero se as cartas da baralla están marcadas cómpre replantexarse se este negocio das televisións segue a merecer o noso sufrimento e a nosa paixón. Para pechar o círculo, volvo ao comezo para trasladar a situación ao campo das nosas vidas. Como cada Primeiro de Maio saímos ás rúas co convencemento de que podemos paralos, obrigados a crer, pero sabedores de que as cartas están marcadas. Xogamos no seu terreo e coas súas leis e, poder pódese, pero non non sabemos se “tan só” xogando limpo…

@santimlz

xogaraescribir.wordpress.com

Borja Iglesias