Que pintamos nós en todo isto? – Unha análise do actual sistema mercantilista que existe no fútbol español

Pola pura lei da gravidade, é posible que a nube na que se sostén o fútbol español remate esborrallándose bruscamente. Así, igual que na nosa vida cotiá, é posible que de aquí a uns anos nada sexa como o tiñamos coñecido. O fútbol profesional estruturado como negocio aséntase en base a dous piares: a impunidade á hora de evadir impostos e os monstruosos contratos cos operadores televisivos. Como se repite habitualmente para referirnos ao caso da televisión, quen paga manda. O negocio está xogando no fío da navalla xa que, no seu afán depredador e curtopracista, está a esquecer un elemento fundamental en todo este circo: nós, as afeccións.

Fixar a hora do derbi galego para un venres ás 21:45 (despois de ter mudado a inicialmente prevista) en función de cálculos de audiencia para a cadea que vai retransmitir o partido é un absoluto desprezo polos siareiros que deben desprazarse (neste caso, nós). Miden a importancia clasificatoria do encontro e saben que o espectáculo seguramente estea por enriba da media da tediosa liga española, que por certo é algo que eles provocaron co absurdo reparto dos dereitos televisivos. Pero o que non valoran son as connotacións que aquí, para nós, ten sempre este partido independentemente da clasificación. As dificultades para o desprazamento, o esforzo dos/das que viaxen e o cabreo xeneralizado non entran nas súas contas de resultados. Pero vaise asentando. As cifras de asistencia aos estadios están aí e os cánticos contra o fútbol moderno están comezando a espallarse polas bancadas.

Por outra banda, o novidoso contrato que a Directiva do Celta asinou coa compañía de telecomunicacións Vodafone vai dando ao longo da tempada curiosos resultados que nun principio non se anunciaran cando nos dixeran o da bancada de Fondo. O máis disparatado ata o momento é o de pór á venda nunha das súas tendas as entradas para un dos partidos máis importantes do ano. A Directiva non pode ser allea (de feito, non o é, seguro) ao que para nós supón o encontro de Riazor, e xa que logo, non pode cometer os mesmos desprezos que os cerebros pensantes da Liga.

Foto: @santimlz

A mercantilización do fútbol ten como consecuencia directa o desprezo pola parte máis débil da engrenaxe. Aos afeccionados o compromiso presupónsenos, ao igual que a dispoñibilidade económica para pagar o abono, as entradas, os desprazamentos, as viaxes ás tendas de teléfonos, etc. E como tal, considérasenos unha parte que sempre vai estar aí. Se os dirixentes cometen o erro de ignorar a ese eixo fundamental do “negocio fútbol” que somos nós, as consecuencias poden ser imprevisibles pero de certo negativas. Non é admisible que os criterios da competición se rexan polo interese de explotación económica dunha parte. Vemos que cada vez son máis os que entran no xogo (agora, e con moita forza, as casas de apostas) e polo tanto, a parte que nos toca a cada un vai quedando día a día máis cativa. Non son, as computadoras que dirixen a nave, de tomar en consideración asuntos que non sexan estritamente numéricos, e obviarán polo tanto as condicións sociais cada día máis deterioradas e descompostas que temos que soportar os/as das bancadas. Corren o risco de afogar o negocio e convertérense no novo sector da construción, que foi caendo como pezas de dominó deixando regueiros de quebras e impagos.

Sen afección non hai fútbol.

Celta Iago Aspas