Torrecilla non se molla – “As fichaxes son do Real Club Celta de Vigo, non de Miguel Torrecilla; teño a miña responsabilidade pero non é momento de valoralo”

O director deportivo, Miguel Torrecilla, pasou por rolda de prensa na súa habitual comparecencia de cada terzo de tempada, onde deixou moitas incógnitas. “Só cando remate a competición, valoraremos as fichaxes e o rendemento dos xogadores”, insistiu ante as preguntas dos xornalistas.

Recoñeceu que este segundo terzo comezou de forma “convulsa e complicada no mercado de inverno e co cese do adestrador e do corpo técnico”.

Respecto ás supostas diferenzas no capítulo de contratacións, quixo aclarar que “as fichaxes son do Real Club Celta de Vigo, non de Miguel Torrecilla. Teño a miña responsabilidade, pero non é momento de valorar como chegaron os xogadores ao Celta”.

Foto: O director deportivo en rolda de prensa

Torrecilla aclarou que é público e coñecido cómo se traballa no clube. “O adestrador fai as súas peticións e a secretaría técnica propón esas contratacións, que son despois elexidas polo adestrador”.

Como no caso de Pranjic, que Torrecilla asegura que foi unha “decisión conxunta con Herrera”, aínda que o ex adestrador asegurara nunha entrevista recente a meuCelta que non era o xogador que se necesitaba.

Desemellanza que queda patente ademáis nunha das declaracións do director deportivo. “Descartamos traer un mediocentro por un central”, asegurou, aínda que Herrera insistira na necesidade de cubrir a primeira posición.

De feito, negouse a contestar a “ningunha declaración de Paco Herrera despois de deixar o clube”, aínda que remachou que o “traballo de Herrera foi espléndido”.

O director deportivo ratificou os motivos do cambio. “Decidiuse o troco de adestrador polos resultados, o clube busca un revulsivo”, declarou e engadiu que “a idea é continuar con Abel” tanto se acada a permanencia como se o equipo baixa.

“Son optimista de que o equipo sacará a tempada adiante, non sen sufrir”. Torrecilla non quixo pronunciarse sobre o seu futuro, posto que remata contrato o 30 de xuño.

Jorge Sáenz Elche