Sermos de segunda – “Temos que botarlle máis collóns. Temos que correr coma cabróns”

As matemáticas aínda non sentenciaron ao Celta, mais a derrota en Mallorca cheira a segunda. Nin luns nin árbitros, por moi penalti que fóra, nin gaitas. Algúns dirán (outra vez) que non é momento de levantar a voz, que se un é menos celtista, que sei eu… Mirade, agora ou nunca, se descendemos non será tarde, será innecesario. Confiar todo a unha sorte de mesianismo non vai facernos xogar mellor ao fútbol. A fe pode mover montañas, pero o que son goles, non mete.

A todos aqueles que cren que a afección debe estar co equipo, doulles a razón. Mais temos que saír desta fantasía. A cousa non está para andarse con miopías. Sodes cada un de vos os que sufrides cada xornada como para non esixirlle alomenos algo de entrega. Sen entrar a valorar a nova enxeñería táctica despregada por Resino, un estratego probado.

Tanto falar da súa liña adiantada (con motivos sobrados) que ao home entroulle o medo, o mesmo co que xogamos toda a primeira parte. Decidiu Abel poñer de cara a Bermejo (un dos poucos que o merecen) para despregar un ‘xogo directo’ novedoso para este Celta. O resultado calamitoso, quen esperaba outra cousa? Para algo que facemos ben non o toques. Na segunda milloramos pero pouco importa, temos menos perigo que…

Millor que o diga Túñez,vía @GaliciaEnGoles, non vaia ser que un servidor caia na demagoxia. “Non temos que buscar excusas. Non nos pitaron dous penaltis. E qué? Tivemos ocasións, non as metimos e non podemos conceder esas xogadas”. “Non podemos baixar a cabeza. Temos que botarlle máis collóns. Temos que correr coma cabróns e pensar no luns e nada máis”.

Ninguén o podería decir mellor. Até que non demostren o contrario, sermos de segunda.

 @LopezDeC
Aspas Celta